Nova web de Converxencia

Entramos no outono do ano fundacional de Converxencia lanzando unha segunda versión da web, unha nova versión que pretende facilitar a nosa interacción coa sociedade en xeral e a consecución de novos apoios. CXXI é un partido que desde o seu inicio aparece fondamente vencellado a internet e ás novas tecnoloxías. A rede é unha ferramenta prodixiosa que contribúe ao aprofundamento da democracia e á liberdade e, de feito, resulta factible hoxe que unha organización, neste caso política, consiga un crecemento rápido se realmente cobre unha necesidade insatisfeita nesa sociedade.

O éxito de Converxencia será sen dúbida o éxito de Galicia, dun modelo de Galicia aberto, moderno, dono de seu e que nos proxecte ao futuro partindo da autoestima de sermos galegos e que como tais podemos relacionarnos no mundo en pé de igualdade e non en base ao complexo e o autoodio que algúns predican. Este país precisa de que unha organización como a nosa teña éxito para garantir definitivamente que o PP e o PSOE non poidan continuar a subordinar os nosos intereses a intereses alleos, para traballar por unha sociedade máis libre, na que realmente se poida usar en calquera ámbito calquera das dúas linguas oficiais, cousa que hoxe non acontece ao estar o galego excluído de moitos entornos. Para traballarmos por unha sociedade emprendedora e dinámica onde a administración xogue un papel subsidiario e non poida continuar a ser usada como arma de control social e antidemocratico. Para traballar por unha sociedade civil protagonista que sexa a que realmente marca o pulso vital do país.

Nesta andaina de autoorganización política galega que representa CXXI, comezamos a primeiros deste ano cun proceso de legalización que culminou finalmente o 4 de maio, data na que fomos inscritos no rexistro de partidos políticos do Ministerio do Interior. Seguiremos queimando etapas: no ano 2010 celebraremos o noso primeiro congreso e no 2011 enfrentarémonos por vez primeira ao veredicto das urnas no maior número de concellos, todos aqueles nos que encontremos a posibilidade de montar unha candidatura renovadora e ilusionante.

É inxente a tarefa que nos espera e moitas as resistencias que nos encontraremos no noso camiño, as resistencias daqueles que prefiren unha Galicia sumisa, acomplexada e que poidan controlar con facilidade. É precisamente por iso polo que para construír esa Galicia que todos desexamos e que é hoxe máis que nunca posible cómpre actuar. Non abonda con ser espectador do cambio, todos e cada un debemos asumir a nosa responsabilidade cívica como cidadáns e sermos actores do cambio, arquitectos e albaneis na construción dunha nova Galicia. Converxencia é a ferramenta e está á vosa disposición

Carlos Vázquez Padín, Secretario Xeral.