Discurso do Día do Partido


O 31 de outubro tivo lugar a celebración da primeira edición do Día do Partido. A continuación reproducimos o discurso pronunciado polo Secretario Xeral:

Boas Tardes irmáns, esta tarde reunimonos nesta parroquia de Merza, na comarca do Deza, para celebrar o noso primeiro día de Converxencia. É para min unha prioridade contribuir a fomentar o coñecimento mutuo entre todos nós e ir, desde xa, creando unha autoestima por pertencer a Converxencia. Unha autoestima merecida por representarmos xa neste momento, e con medio ano de vida, a versión política da Galicia moderna, da Galicia que deixou atrás os vellos complexos que representan as tres forzas políticas que están no Parlamento de Galicia.

Estamos nun momento de cambios na política galega, o fracaso estrepitoso da estratexía do bipartido de taparlle as vergoñas ao PP despois de dezaseis anos de gobernos de Fraga non lle serviu para permanecer no poder nen aplicando políticas clientelares.Agora encontramonos cunha maioría absoluta nova dunha xeración de conservadores e centralistas que están orgullosos de sentirse pouco ou nada galegos e que están volcados nunha tarefa de deconstrución da nosa identidade. Neste contexto a falta de alternativas para proxectar este país ao futuro desde a autoestima faise moi notoria e a necesidade de consolidar unha forza como Converxencia, primeiro nos concellos e despois no Parlamento é inaprazable.

Neste momento político encontramonos cunha serie de siglas que pretenderon nos últimos anos ocupar sen éxito o espazo que agora vai ocupar Converxencia e escoitamos voces que suxiren a necesidade dunha unión. Que a unión fai a forza segue a ser un principio universal pero ao mesmo tempo non debemos esquecernos que fundamos este partido hai só medio ano porque os partidos preexistentes que se autodefinían como galeguistas non nos ofrecían nen a máis mínima confianza. Tamén temos que pedir que algún opinador que cre que é compatible ser sinceramente galeguista e ser do PP pase da opinión á acción.

Temos autoestima e cremos que somos bos e xenerosos e que portanto estamos dispostos a sumar para seguir construindo esa Casa Grande do Galeguismo Moderno que aspiramos a ser e que o país precisa. Somos bos e xenerosos pero non parvos e sumar non pode ser un obxectivo que nos faga obviar unha serie de criterios que Converxencia xa cumpre hoxe e os demáis cremos que non, que son irrenunciables e innegociables e que parten dun diagnóstico que facemos dos fracasos reiterados deses partidos que se autodefiniron como galeguistas:

a- É imprescindible a asunción clara dun marco ideolóxico diferenciado de PP, PSOE e BNG e que todos deben compartir e cumprir. Todas as persoas que se integren deben compartir unha porcentaxe elevada das liñas ideolóxicas predefinidas cunha especial énfase nas cuestións identitarias. Vimos a varios partidos autodenominados galeguistas facer campaña en castelán, "La Coruña hablamos”, a alcaldesa dun destes partidos autodenominado galeguista en Valdoviño votando en contra da aplicación da lei de normalización linguistica no seu concello.

b- É para nós innegociable a non admisión de figuras ou fichaxes de persoas previamente posicionadas perante o conxunto da cidadania e que poidan estar en busca dunha segunda ou derradeira oportunidade que imposibilitan a transmisión dun posicionamento renovador e ilusionante. Por por só un exemplo pero que todos podamos entender, nós nunca estaremos no mesmo proxecto político que poida estar alguén como Baltar. As persoas que se acheguen á Casa Grande do Galeguismo Moderno que estamos construindo terán que facelo en base a motivacións exclusivamente ideolóxicas e esas motivacións terán que resultar cribles para o conxunto dos nosos concidadáns.

c-A seriedade e disciplina organizativa que parte do pagamento obrigatorio de cotas de afiliación e a imposibilidade de dobre militancia. Vimos recentemente como un concelleiro dun partido autodenominado como galeguista en Láncara dixo estar orgullosos de ter pertencido sempre ao PP e non terse nunca dado de baixa del.

Para a construcción desta Casa Grande do Galeguismo Moderno, en Converxencia temos que estar vacinados contra os perigosos virus que axexan aos galegos sempre que tentamos autoorganizarnos politicamente para loitar para que o poder político que emana da democracia representativa estea en mans dos que actuamos e actuaremos só en función dos intereses de Galicia. Estes virus contra os que nos temos que vacinar son o virus do maximalismo, o da negatividade, o virus da autodestrucción, o virus da desconfianza, o virus da falta de fe neste pobo e o virus da pasividade que poderiamos reflectir na frase: “o que estades facendo é moi necesario pero eu vou esperar a ver que pasa”, cada un de nós no exercicio pleno da nosa cidadanía temos que asumir a nosa responsabilidade na construcción dunha Galicia máis rica no material e no espiritual e iso é algo que os outros partidos non van facer por nós, parafraseando a Obama, “nós podemos” e eu engado, se queremos.

Asistímos estes meses, desde as eleccións autonómicas, a continuos ataques da Xunta do Partido Popular á nosa língua, rebaixando a sua exixencia nas oposicións, rompendo un pacto tácito de uso da nosa língua por parte dos cargos públicos e na TVG onde aparecen tertulianos que non falan galego e cuxo único mérito para a TVG controlada e manipulada polo PP é non falar galego e non a sua valía profesional. O PP de Feijóo, Corina Porro, Carlos Negreira e outros, un PP nada amigo da galeguidade e que cuestiona, facendo gala dun radicalismo sen precedentes, os consensos básicos entorno á língua xerados nos primeiros anos da nosa autonomía por partidos como a Alianza Popular de Fraga, forza máis moderada e construtiva que o radical PP actual.

Asistimos tamén desde as autonómicas a unha lamentable competición na cidade da Coruña, unha cidade tan galega como a que máis, na que o PP e o PSOE compiten por ver cal dos dous é menos galego, por ver cal dos dous defende e respecta menos a nosa identidade, a onde queren chegar estes señores?, que demo pretenden con esta desvergoñada carreira pública da antigaleguidade?, só os complexos que neses partidos quedan da ditadura pode explicar o inexplicable e o absurdo de que galegos compitan por ser cada vez menos galegos e crean que a sua cidade non se pode conformar, como o resto de núcleos de poboación do país, con ter o nome oficial na nosa língua.

Eu estou dacordo co PP na importancia do ensino trilíngüe, sobre todo vendo o baixo ou nulo nivel de inglés e de galego que os seus dirixentes teñen. Vemos sen embargo que en castelán o que máis e o que menos sí se defende polo que unha ponderación que eu propoño das línguas no ensino e dado que o castelán é clarisimamente preponderande sobre o galego e o inglés en todos os medios de comunicación de Galicia o lóxico sería sobreponderar o galego e o inglés e mantendo unha presenza menor do castelán para compensar así o pernicioso efecto que sobre as nosas competencias linguísticas ten o case monolinguismo en castelán dos medios de comunicación en Galicia. Desta maneira garantiriase a liberdade individual dos cidadáns a poder falar cada un deles despois a língua que prefira, liberdade que non ten por exemplo Mariano Rajoy ou Alberto Núñez Feijóo que como non saben falar inglés pois non poden falalo ainda que ninguén llo prohiba. Rajoy ademáis tampouco sabe falar galego e Feijóo é evidente que se tería que formar para falalo coa dignidade que lle correspondería a un presidente de Galicia.

Que dicir da política de infraestruturas á que nos someten os provincianos? para Agustín Hernández conselleiro de infraestruturas "Lo que se pretende, y es lo importante, es que al final, un ciudadano que está en Madrid, en el aeropuerto de Barajas, y quiere coger un vuelo a Galicia, pueda venir de la forma más cómoda posible". Está o conselleiro preocupado, en que sexa cómoda a viaxe de Madrid a Galicia e non preocupado porque os galegos teñamos un sistema aeroportuario que nos permita interrelacionarnos o mellor posible con España, Europa e o Mundo.

Claro, o 80% do tráfico aereo de Galicia é con Madrid e agora sabemos por qué, para a comodidade dos que están en Madrid. E dentro duns anos teremos un Tren de Alta Velocidade tamén con Madrid que seguindo o mesmo patrón de pensamento significa que o que se busca é a comodidade dos que están en Madrid e non comunicar a Galicia co Mundo. Tampouco importa ao PP e ao PSOE gastar centos de millóns de euros, en medio dunha crise da que ainda non se ve a saida, en crear unha infraestrutura cun servizo redundante co único para o que sirven os tres aeroportiños que temos que é comunicar a Madrid con Galicia.

Nós a diferencia do PP, do PSOE e dun BNG que tampouco cuestiona estas políticas, cremos que os galegos temos que apostar forte polas comunicacións interiores. Queremos estar comunicados con Madrid e co maior número posible de sitios e a política de infraestruturas segue unha concepción ultracentralista só preocupada porque Madrid esté moi ben comunicada cos demais. O máis patético de todo isto é que sexa alguén que debería velar polos nosos intereses quen tamén vele polos intereses de Madrid.

Galicia precisa neste momento dotarse dun novo estatuto de autonomia de primeira. Acabamos de ver que Galicia sae perxudicada no reparto do financiamento por non contar con esa ferramenta política que suporía un novo estatuto, un estatuto ao noso xuizo, excesivamente intervencionista como o catalán non é o noso modelo, e constatamos que ao PP traelle sen cuidado que Galicia saia perxudicada sempre e cando os seus xefes de Madrid estean contentes.

Nós cremos que o actual teito competencial en materia económica afoga a Galicia e resérvalle un papel subalterno en política fiscal, un papel que a fai depender sempre da cultura da transferencia e do subsidio. Até o de agora, as propostas neste eido dos partidos con representación parlamentaria limítanse a visións curtopracistas, tanto na reclamación de obter maiores transferencias económicas do Estado (PP e PSOE) como na territorialización das actividades económicas soportadas en Galicia (BNG). A primeira é unha Carta aos Reis Magos que se fai todos os anos e que case nunca é correspondida e a segunda, sendo esta unha opción que podería aumentar os nosos ingresos a curto prazo, non solucionaría o principal problema: rompermos o círculo vicioso xerado por un nivel de ingresos inferior ao de gastos que ten que ser reequilibrado principalmente por transferencias do Estado.

Que dicir da xestión da crise por parte dos nosos gobernantes actuais? desde o goberno central e facendo gala dunha grave irresponsabilidade política toman a decisión de subir os impostos pero non en aras dun mantemento da actividade investidora ou un plan para o cambio de modelo produtivo xa que recortan o gasto en I+D+I e aumentan o gasto corrente, o goberno do PSOE está traballando arreo para deixarnos un estado nunha situación insostible de bancarrota. É tal a desfeita do goberno do PSOE que os seus ministros máis válidos e con criterio propio como Solbes, Sevilla ou Bernat Soria foxen despavoridos, non só do goberno senón tamén do congreso. Son conscientes de que Zapatero será lembrado pola sua mediocridade e falta de talla na xestión dunha das máis graves crises da historia de España e queren desvincularse a toda presa.

Que dicir dun partido da oposión sumido nun esperpento valleinclanesco dun lider debil e cobarde ao que ninguén respeta dentro do seu propio partido como Mariano Rajoy. Un partido tan intervencionista e antiliberal que monta unha guerra pública para o control dunha entidade financeira, é esta a oposición que ten que ofrecer unha alternativa ao desgoberno do PSOE?. A democracia española está probablemente atravesando un dos seus momentos máis críticos, cun goberno ineficaz e improvisador e unha oposición esperpéntica, todo salpimentado con casos de corrupción que saltan dia si e día tamén aos medios de comunicación, que pensan facer os do PP e os do PSOE para que a democracia española non continue esta perigosísima senda de deterioro?.

Que dicir da autoatribuida austeridade da Xunta, celebramos que Núñez Feijóo rectificase e se pasade a Citröen e despois de ser vicepresidente dun goberno que comprara mais de trinta Audis como o de Fraga. Nós somos partidarios de que as delegacións da Xunta teñan un carácter meramente administrativo e non político e portanto para nós sobran os 52 delegados territorias da Xunta de Fraga, e do bipartito e os cinco superdelegados actuais, se realmente apostasen pola austeridade estarian xa propondo unha reforma do estatuto de autonomía que suprimise unhas institucións parasitarias e que nada aportan desde o punto de vista dun uso eficiente dos recursos públicos como son as Deputacións provinciais, pero claro desde estas institucións PP, PSOE e BNG poden continuar a aplicar as suas políticas clientelares e nepotistas a costa dos petos dos cidadáns. Converxencia é unha forza fondamente municipalista, o diñeiro actualmente atribuido ás deputacións pasaría directamente aos concellos, unha vez suprimidas aquelas e tamén seria necesario tender a concellos de maior tamaño para conseguirmos dotar de mellor servizos aos cidadáns cunha menor carga impositiva. Os criterios de eficiencia e de subsidiaridade teñen que ser introducidos como criterio básico na xestión da administración pública.
Agora, queridos amigos, compre continuar dando o mellor de nós mesmos para que este proxecto, que vai contribuir decisivamente a construir unha Galicia máis moderna e rica no material e no espiritual, continue crecendo como unha bola de neve imparable que se leve dunha vez e por sempre os complexos e o autoodio que aniñan en grande parte da clase política actualmente representada nas institucións galegas e que continua supondo un grave atranco para o avance do noso país. Adiante Galicia, adiante Converxencia!.

Aquí poden consultar o discurso en formato pdf http://converxencia.eu/sites/default/files/Discurso%20do%20Dia%20do%20pa....