Postura de CXXI ante a reordenación do mapa das caixas de aforro: por un sistema financeiro competitivo e con centros de decisión en Galicia.


1. Converxencia é consciente da necesidade de redimensionar o sector das Caixas de Aforros no estado dado o especial impacto que nelas tivo a crise financeira mundial e como consecuencia dunha xestión cando menos cuestionable.
A realidade debe obrigar aos nosos dirixentes políticos e económicos a ter unha gran altura de miras. CXXI entende que estamos ante unha integral reordenación do sistema financeiro español e cre que debe aproveitarse esta situación herdada para debater a necesidade ou non de modelos semi-públicos que en moitas ocasións responden máis a intereses políticos e persoais que aos intereses públicos para os que foron creadas. A actual reordenación pode ser moi positiva para abordar no futuro unha racional privatización das caixas proveitosa para o interese público.

2. CXXI aposta pola galeguidade dos centros de poder financeiros, sendo a fusión de Caixa Galicia e Caixanova a última das vías a estudar. Salvo que a titularidade galega estea en perigo, CXXI aposta porque sexan as nosas Caixas as que lideren procesos de fusión con outras entidades alleas á nosa comunidade. Por primeira vez na historia de Galicia, non na historia doutras Comunidades, sería Galicia a que exercese o poder dende aquí, sen ter que dar contas en Madrid ou Barcelona. Non se entende que a Xunta que ha de procurar a riqueza do país, a maior competitividade dentro do sector financeiro, a sostenibilidade dos postos de traballo e o empuxe das industrias proveedoras das entidades financeiras só teña na súa folla de ruta a fusión.

3. A loita de poder que subxace en toda a reordenación do sistema financeiro español é demostrativo da falta de altura dos protagonistas desa loita. Os últimos acontecementos en torno a Caja Madrid son unha mostra clara e inequívoca de que se trata máis dunha partida de xadrez entre faccións políticas que unha reordenación seria e profesional do sistema financeiro. Estamos ante un lamentable reality show onde o cliente final, o aforrador, o autónomo e as pemes, que non son capaces de conquerir os créditos necesarios para seguir adiante coa súa esforzada e digna actividade, son convidados de pedra. Que criterios profesionais e obxectivos se están tendo en conta para afirmar que unha fusión ou outra, que un candidato ou outros son os adecuados?.

Asinado,
Executiva Nacional de CXXI