Postura de CXXI sobre o uso do sistema SITEL por parte dos poderes públicos

Converxencia XXI quere chamar a atención da opinión pública sobre o uso do Sistema de Interceptación Telefónica (coñecido como SITEL) por parte das “Fuerzas y Cuerpos de Seguridad del Estado”. Ante a situación de claro baleiro legal deste sistema, que abre a porta a abusos e arbitrariedades, Converxencia XXI manifesta o seguinte:

1- SITEL é un sistema de localización que permite, non só a intervención das chamadas telefónicas, senón tamén a localización do lugar dende o que se fai a chamada, as mensaxes de texto, o DNI e domicilio do titular da liña e os datos das chamadas entrantes e saíntes. En definitiva, a Policía pode dispoñer e almacenar unha ampla base de datos sobre nós con tan só un número de teléfono.

2- O dereito ao segredo das comunicacións está recoñecido no artigo 18.3 da Constitución española. Falamos dun dereito fundamental que está regulado por Lei Orgánica e que, polo tanto, só pode ser suspendido nos casos que a Lei de Enxuiciamento Criminal (Lecr) determine. Nembargantes, o Decreto 424/2005 permite que a Policía acceda a determinados datos persoais dun cidadán sen autorización xudicial previa, como a titularidade dunha liña telefónica, o emprazamento desta e incluso o tipo de contrato que o titular ten suscrito coa operadora.

3- A actual realidade (amplamente coñecida) é que existe un baleiro na Lecr que non prevé o uso desta nova tecnoloxía que ultrapasa amplamente os límites que tiñan os antigos sistemas de escoitas telefónicas. Ante esta situación, o habitual é que a Policía empregue de maneira discrecional e arbitraria SITEL posto que, ao moverse nun terreo alegal, é pouco probable que prosperen denuncias contra ese uso.

Converxencia XXI quere criticar a actitude dos partidos maioritarios no Parlamento español, tanto a do PSOE por avalar públicamente esta situación permanente de alegalidade como a do PP, por criticar o uso dun sistema adquirido polo goberno de José María Aznar. En ningún dos dous casos se ten en conta a cuestión fundamental que preocupa á cidadanía: a posibilidade de vulnerar de maneira flagrante un dereito fundamental sen mandato xudicial previo. Consideramos que un Estado de Dereito ten que basearse no respecto escrupuloso aos dereitos individuais e, polo tanto, esa suspensión só debe partir de indicios dabondo sólidos que xustifiquen esa decisión.

Converxencia XXI solicita unha regulación do uso de SITEL que parta dunha Lei Orgánica do Parlamento español e da derrogación do Decreto 424/2005. Só así poderase garantir o cumprimento efectivo do dereito tanto á presunción de inocencia como ao segredo das comunicacións.