Participación de Converxencia XXI no Congreso do Partido Liberal Democrata Europeo


Entre o 18 e o 20 de novembro celebráronse simultaneamente un encontro do European Liberal Forum (ELF) e o congreso do Partido Liberal Democrata Europeo (ELDR) no hotel Hilton mar de Barcelona.

Por primeira vez, desde a restauración da democracia, dúas organizacións galegas foron convidadas a participar nun evento desta altura: a GALIDEM ao ELF e CXXI ao congreso do ELDR. Entre os participantes estaban as principais organizacións de ideoloxía liberal de toda Europa: desde grandes think tanks como a Friedrich Naumann alemá, o centre Jean Gol belga, o Bertil Ohlin Institute sueco ou o Centre Forum británico a outros máis modestos como o KEFIM grego ou o NOVUM esloveno; desde partidos de goberno como o FDP alemán, o Venstre dinamarqués, o VVD holandés, o OLVD flamengo ou os propios organizadores da Convergència Democràtica de Catalunya a organizacións máis pequenas como o Centerpartiet sueco, o HSLS crotata ou a UD chipriota.

A presenza no ELF ofreceu a oportunidade aos membros da GALIDEM de asistir e participar en conferencias e debates sobre a actualidade e a acción política: o papel da UE como actor internacional na crise actual, o multilateralismo ou o activismo político a nivel local foron algúns dos temas tratados nestes encontros.

A asistencia das delegacións nestes dous eventos tiña como obxectivo presentarnos e dar a coñecer o proxecto político dentro da familia do centro liberal democrata europeo. E iso fixeron. Foron días de intenso traballo facendo networking entre os membros de todas as delegacións. Nesas conversas explicaron o que queren facer en Galicia ao mesmo tempo que coñeceron de primeira man o que se está a facer noutros países europeos.

Un segundo obxectivo era sentar as bases para o ingreso da GALIDEM como membro de pleno dereito no European Liberal Forum. Para isto era necesario conseguir o apoio de dous membros do ELF. Grazas ao traballo da delegación da GALIDEM pódese dicir que xa foron conseguidos os apoios mínimos esixidos para o ingreso no ELF e é bastante probable que a GALIDEM ingrese nesa organización europea ao longo do ano 2010, converténdose así no primeiro think tank galego que consegue homologarse a nivel europeo. A GALIDEM xa foi convidada para participar no encontro de liberais ibéricos que terá lugar en Lisboa o ano próximo.

No congreso do ELDR Marc Guerrero, membro da dirección de CDC e xefe das relacións exteriores da Fundació Trias Fargas foi elexido vicepresidente do ELDR, o que supón unha aposta decida do Partido Liberal e Democrata Europeo pola difusión dos valores do centro liberal no sur de Europa.

Máis imaxes en http://www.facebook.com/#/album.php?aid=124570&id=85360043514