Agora é a crise, Galicia é onde


E agora que?

A profunda crise económica vai para dous anos que nos sacudiu con forza. Moitos aproveitaron o momento para anunciar a resurrección de Keynes, a morte da economía neoclásica e as falacias do neoliberalismo.

Case todos os gobernos deixáronse enrolar e emprenderon políticas de maior gasto público e aumento do endebedamento. Aquelas voces máis razoábeis invocando políticas fiscais austeras e reformas estruturais incentivadoras da actividade económica foron ignoradas e descualificadas.

Onde estamos hoxe? Pois peor que cando comezamos. Os síntomas de recuperación son aínda moi débiles -practicamente nulos na economía española- e en xeral os estados están moito máis endebedados e gozan dunha menor marxe para realizar políticas de reducións impositivas. Mais xa non queda máis remedio. As políticas keynesianas experimentaron un palpábel fracaso e non hai outra que mudar o rumbo da política económica.

A administración Obama e o goberno federal alemán xa deron o golpe de leme necesario e anunciaron recortes do gasto público e dos impostos co ánimo de reanimar a economía. O goberno de Zapatero tamén tivo que rectificar. Xa anunciou a súa pretensión de reducir en 50 mil millóns o gasto público e lanzou a necesidade da reforma dun sistema de pensións insutentábel. Esta perentoria reforma só se anuncia cando a necesidade de redución do déficit estrutural se tornou inaprazábel. Mágoa que a súa irresponsábel política de endebedamento lle deixe a curto prazo moi pouca marxe para realizar recortes impositivos. A redución de impostos podería, ademais de impulsar a economía, compensar os cidadáns pola forzada demora na súa idade de reforma.

Aínda son necesarias outras moitas reformas estruturais que necesitan dunha valentía e visión da que o goberno socialista carece e a oposición ignora. Hai que mellorar o funcionamento do mercado de traballo, reformar as administracións públicas, mellorar a actuación do sistema educativo, reformar a política fiscal e tributaria... Este goberno ten dado sobradas mostras da súa inoperancia. Mais probabelmente a teimosa realidade imporá, tarde ou cedo, a súa lóxica. E canto máis se tarde en axir, maiores serán os custos que teremos que soportar.

Converxencia XXI insta aos gobernos de Zapatero e Feijóo a levar adiante políticas comprometidas que nos permitan emprender a senda da prosperidade. O PP e o PSOE deben abandonar as súas políticas interesadas e timoratas e asumir as súas responsabilidades, emprendendo as reformas estruturais que as economías española e galega precisan para ultrapasar a crise. Só así millóns de españois e galegos poderán recuperar os seus empregos.