Ideario
Unha nova concepción política de Galicia é absolutamente necesaria. O noso ideario resúmese nos seguintes puntos básicos:
A “vontade de ser” é o elemento decisivo na construción da sociedade galega. Rexeitamento de factores étnicos para a definición da identidade de Galicia.
O sentimento de pertenza á comunidade nacional é principalmente baseado no territorio, na cultura, na lingua e na historia comúns.
A necesidade de comprometer os cidadáns nun proxecto colectivo sempre compatible co proxecto individual de cadaquén.
O desenvolvemento dunha nación europea moderna, rica e capacitada para continuar coa súa identidade mediante a combinación da tradición e a modernidade.
O Respecto do vixente marco xurídico-político de España pero demandando un maior grao de autogoberno para Galicia e o recoñecemento explícito da plurinacionalidade do Estado.
A asunción da tradición iberista, europeísta e universalista do galeguismo histórico. Converxencia acredita nunha Unión Europea forte e cohesionada como o medio máis axeitado para mellorar a calidade de vida de todos os cidadáns e cidadás de Europa en xeral e de Galicia en particular.
A aspiración a que Galicia inflúa e condicione cada vez máis as decisións dentro do Estado e da Unión Europea.
O fomento dun enfoque liberal que atribúa ás empresas que xeran valor, e á sociedade civil en xeral, un papel preeminente no futuro de Galicia. Consideración do intervencionismo como un freo ao progreso e un inimigo da liberdade.
A democracia participativa e o pluralismo político e informativo son un ben que debe ser preservado e potenciado como instrumento eficaz para o progreso dos pobos en liberdade.



