Cultura
Ideario
A Cultura é un ben de interese social para todos os cidadáns. Ese é o albo fundamental que debe guiar a acción das políticas culturais. O beneficiario da produción cultural, da conservación do patrimonio, da posta en marcha e mantemento de museos, a xestión e creación dos diversos organismos e institucións que traballan en colaboración coa Xunta ou que forman parte do seu organigrama, deben estar ao servizo do conxunto da cidadanía galega.
Partindo desta base, Converxencia XXI propón unha política de eficiencia na cultura en Galicia que chegue a todos os ámbitos: difusión, produción e conservación do patrimonio.
Para que calquera sociedade sexa verdadeiramente libre e poida funcionar de xeito democrático, a súa cidadanía debe ter acceso a unha formación cultural integral, que continúe tras a formación educativa regulada e que complemente a esta. Para isto os poderes públicos deben implementar políticas de difusión e universalización da cultura entre todos os sectores do país, sen exclusión de ningún colectivo social sexa pola razón que sexa (idade, xénero, relixión, nacionalidade, clase social...)
Partindo desta premisa, a xestión dos programas de difusión, así como o fomento mediante axudas ás producións culturais deben ser sobre todo eficientes e eficaces, tanto na súa viabilidade económica como no seu impacto real canto á difusión da cultura entre a cidadanía, e non converterse nunca nun xeito de control do traballo dos artistas e creadores.
Cómpre unha avaliación da real difusión das producións culturais que os poderes públicos galegos financian, fomentan, incentivan ou desenvolven. Non será posible subvencionar proxectos culturais que non teñan unha suficiente difusión entre a poboación ou que non aporten ningún aspecto novidoso ou experimental á laboura de creación.
CXXI considera que deben ser desenvolvidos programas de difusión cultural por sectores, por bisbarras e cun control da eficacia do que se faga desde a Xunta.
De acordo coa máxima de Converxencia XXI da obrigatoriedade de que os poderes públicos difundan a cultura entre o conxunto da sociedade, defendemos unha política de eficacia na produción cultural que se debe facer efectiva de xeito heteroxéneo dependendo do ámbito do que se trate e da magnitude dos proxectos.
O fomento da lectura é unha prioridade para o país, pois todos os datos veñen marcando unha gran eiva nos hábitos de lectura de galegos e galegas. CXXI propón axudas en forma de préstamos a xuros baixos para as editoriais para campañas masivas de fomento da lectura para toda a sociedade.
CONSERVACIÓN DE PATRIMONIO
Traballar en prol da conservación do patrimonio é básico xa que é un dos aspectos fundamentais na conformación da identidade galega. Detrás de cada vestixio hai un traballo humano que permite achegarnos a cosmovisión de quen a fixo, e evitar coa súa conservación, que o noso pasado colectivo, do que tantas cousas non estudamos aínda, esmoreza.
Entendemos que os alicerces sobre os que construír a alternativa neste eido son a conservación, estudo e protección.
Dunha banda, débese crear unha sección dentro dalgunha das institucións existentes para a cultura galega, ou instituto/centro adicado exclusivamente ao estudo interpretativo e a investigación do patrimonio histórico-artístico do país, colaborando coas universidades, fundacións de interese público e empresas especializadas.
O devandito centro, abranguería a equipas conxuntas que integren a arquitectos, historiadores, arqueólogos, antropólogos e historiadores da arte, para analizaren ás mostras do patrimonio.
O marco de actuación para a conservación do Patrimonio axústase á Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español, e ao abeiro da descentralización pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 1995 (Lei 8/1995 do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia). A lexislación galega nace para a conservación do patrimonio moble, inmoble e inmaterial, así como das mostras, da cultura tradicional e popular.
O instrumento administrativo para a intervención nesta materia é a Dirección Xeral de Patrimonio (D.X.P.) encadrada no actual organigrama dentro da Consellería de Cultura e Turismo. Porén, a política de conservación do patrimonio foi deficiente dende o nacemento da Galicia autonómica, e a maioría das actuacións foron ou serodias, ou insuficientes, en boa medida por políticas de despilfarro noutros aspectos da política de Consellería.
A D.X.P. debe ter unha dotación económica que lle permita cumprir coa tarefa de marcar as directrices, deseñar as actuacións máis relevantes, e encargarse do seguimento da situación dos vestixios. Precísase unha achega fiscal digna, coa que poida facer execucións rápidas no caso de violación ou perigo da integridade dos xacementos ou monumentos. A D.X.P. ten que ser a man executiva das disposicións legais para amparar ao Patrimonio. Tense que fornecer a presenza de arqueólogos e demais especialistas dentro da Xunta de Galicia para poder actuar axilmente.
Cómpre, de vez, que a D.X.P. elabore un plan estrutural que fixe as bases da conservación do patrimonio.
Para conservar débese coñecer co que contamos, é decir, elaborar inventario e catálogos públicos cos vestixios históricos e artístico-arquitectónicos.
Cómpre alentar a creación dunha conciencia social sobre o Patrimonio: os vestixios son únicos e irrecuperables, a súa violación debe provocar un rexeitamento na sociedade. Propomos a revisión das penalizacións para os ataques aos vestixios histórico-artísticos, e desenvolvemento eficaz da capacidade sancionadora e tuteladora dos poderes públicos dos mesmos.
Boa parte do noso patrimonio arquitectónico histórico-artistico está en mans privadas. CXXI considera axeitada a existencia de subvencións para protexer os bens de Patrimonio, xa que se atopan fóra do mercado. Os conxuntos arquitectónicos rurais, fortificacións, pazos, pontes, casas grandes, capelas, igrexas, castelos, muíños, fornos... todas esas edificacións, moitas delas modestas e sen pegadas artísticas, deben ser preservadas, aínda que sexan de titularidade particular e aínda que non sexan visitables ao público.
A lexislación contempla a conservación do Patrimonio inmaterial galego, mais na práctica, os poderes públicos non actúan nese senso, e pola estrutura burocrática da D.X.P. a súa actuación limítase ao eido arquitectónico.
Vemos necesaria a posta en valor do noso patrimonio, pero isto non é, necesariamente, buscar unha rendabilidade económica, senón que acreditamos que cunha axeitada política de conservación, o Patrimonio xera valores cualitativos engadidos. A conservación non ten un fin económico, senón que a finalidade prioritaria é a protección dos trazos da identidade e dos recursos para a investigación.



