Educación
Ideario
O ensino é un dos piares sobre o que se teñen sustentado todos os milagres económicos das últimas décadas. É precisamente por iso que o ensino é un dos poucos capítulos nos que non se pode recortar o gasto público senón máis ben ao contrario, cómpre un forte investimento público e privado. O maior capital dos países é a súa xente e a súa formación.
Adam Smith en “A Riqueza das Nacións” afirma que a auténtica riqueza provén do traballo produtivo das persoas e non das minas. A educación é o elemento clave na configuración da cultura dun pobo, da súa forma de enfrontar a vida. De pouco vale ter os mellores cerebros se aspiran a avogados do Estado ou notarios en vez de a crear empresas. Aquí é preciso non aforrar esforzos en crear unha mentalidade emprendedora nas novas xeracións, e para iso debemos conseguir que a sociedade vexa á iniciativa privada e aos empresarios como creadores de riqueza para eles e para toda a sociedade. Para isto seria bo introducir algún cambio nos programas de ensino e levar a empresarios destacados a dar charlas aos colexios. Cantos nenos en Galicia saben quen é Amancio Ortega?
Cómpre envorcar recursos públicos e privados na educación co obxectivo de non quedar en ningún caso por baixo do 6% do PIB galego, sendo un 7-8% a meta. Estes recursos teñen que ser usados con eficiencia, e vimos nos anos noventa como en Galicia o localismo e a falta de proxecto de País do PP fixo tomar algunhas decisións ineficientes con respecto a ordenación do sistema universitario. O PSOE e o BNG careceron de proxecto ou valentía para solventar as desfeitas do PP.
No ensino segue sendo absolutamente necesario potenciar as Bolsas de estudo para os estudantes destacados sen recursos e dificultar a continuidade no ensino non obrigatorio de quen non avanza a un ritmo mínimo exixible sempre que non estea traballando. Cómpre acabar co uso irresponsable dos cartos públicos. O ensino tamén ten que ser o grande motor da nosa integración ao máximo nas correntes globais da economía, a tecnoloxía, a ciencia e a cultura. Para iso hai dous elementos fundamentais e baratos que son o inglés e a internet, ademais dunha estratexia que abarque os intercambios, as relacións humanas de todo tipo e investindo en conseguir que os nosos estudantes poidan acceder a través de cantidade de bolsas e premios, e abaratamento dos transportes, a que coñezan in situ algúns dos países que marcan a pauta e que están próximos, como os tres grandes estados da UE (Alemaña, Francia e O Reino Unido).
1. Modelo de ensino
Desde a chegada da democracia, o Estado Español caracterizouse pola aprobación dunha serie de reformas educativas que causan gran polémica mediática pero que realmente non se levan á práctica nos seus aspectos fundamentais, aínda que ás veces si en cuestións anecdóticas como a repetición de curso, os exames de setembro ou a inclusión ou non de tales ou cales asignaturas máis ou menos polémicas (Relixión, Educación para a Cidadanía...).
Sen entrar a valorar as circunstancias que rodearon ao desenvolvemento e á aplicación dunha gran lei educativa como foi a LOXSE, a realidade é que supuxo un avance no enfoque pedagóxico no mundo do ensino que aínda hoxe non se puido implementar.
A continuación explicaremos de xeito sintético o fundamental e máis novidoso e renovador da actual lei educativa, a LOE, que consideramos que pode ser un instrumento moi eficaz para acadar os obxectivos educativos que explicamos na introdución. Converxencia concorda totalmente co espírito desta lei mais debe ser aplicada de xeito real e efectivo, e no desenvolvemento desta aplicación non debemos aforrar en esforzos económicos nin humanos.
2. Modelo lingüístico
No que atinxe ao ensino obrigatorio e ao postobrigatorio (FP e Bacharelato) cómpre unha aposta decidida polo inglés como asignatura máis importante; unha clase diaria, medios audiovisuais, fomento dos intercambios e en xeral, unha potenciación dos usos orais activos.
O obxectivo é que todos os alumnos que acaben a ESO se poidan defender nunha conversa en inglés sobre calquera tema xeral e os que rematen o Bacharelato xa teñan unha destreza e precisión elevadas no uso oral e escrito do idioma. O modelo educativo que estableceu a LOE e sobre o que reflexionamos máis abaixo incide nas competencias lingüísticas do alumnado como factor fundamental a ter en conta en todas as áreas polo que a lei determine en canto ás linguas nas que se deben impartir as materias debe cumprirse ao 100%, xa que a escolla de tal ou cal lingua serve para fortalecer a competencia, e non ten relación cos dereitos lingüísticos da comunidade educativa.
Fomentaráse tamén nas aulas de lingua española e galega, do mesmo xeito que na inglesa o uso oral activo, sen esquecer os outros usos (que son os que hoxe máis atención reciben).
Cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e Plan de Normalización de 2004 con respecto ao noso idioma e aproveitamento da súa semellanza co portugués para a súa posta en valor mediante o ensino obrigatorio da lingua de Camões e Pessoa en todos os centros de ensino secundario.
A LOE deixa moi claro que a lingua na que se impartan as diversas áreas do ensino obrigatorio e postobrigatorio non é simplemente un vehículo de comunicación de contidos ou de adquisición doutras competencias. O feito de que tal ou cal materia se imparta en galego, español ou inglés é para fortalecer a competencia en tal lingua. Todas as áreas colaboran para dotar de competencia lingüística ao alumnado do mesmo xeito que colaboran para o uso das TIC, a conciencia cidadá, a aplicación de coñecementos matemáticos ou o espertar da creatividade e a capacidade crítica. Por iso non pode ser tolerable nin que un profesor non cumpra co idioma no que ten que impartir as aulas, nin que o alumnado teña dereito a ter os textos noutra lingua. (Non sería comprensible que se “Coñecemento do Medio” debe darse en inglés o profesor a dea en galego e/ou o estudantado poida falar ou escribir no que lle peta, porque todo o mundo entende que que se impartan máis aulas en inglés é para que se fortaleza o coñecemento do inglés. Do mesmo xeito nas outras dúas linguas sucede o mesmo).
3. Xestión dos centros de ensino obrigatorio e postobrigatorio
Consideramos imprescindible darlle un pulo ao ensino público como diciamos, mais sempre mantendo os centros concertados que manteñan a demanda social. A mellora dos centros públicos obriga aos concertados a ofrecer servizos de maior calidade ou a diversificar a súa oferta, co que o nivel e pluralismo dos centros estaría garantido.
Os centros concertados son moi heteroxéneos e coidamos que, malia o que poida parecer, non dispoñen de moitos medios. Converxencia propón impedir que certos centros abusen das familias e cobren cantidades desorbitadas (incluso chegando aos 400 € mes, mentres que outros teñen cotas de 60 €), porque ademais provoca que, con cartos públicos, se estean financiando institucións que propoñen un ensino elitista. Non cremos que se deba impedir que existan este tipo de centros elitistas pero nunca financiados cos cartos de todos.
Canto á xestión de centros públicos propoñemos, coma noutros aspectos do noso ideario, un verdadeiro control da eficacia educativa, para o que se lle debe dotar aos equipos directivos, (que deben estar formados debidamente e non ser simples profesores en busca de puntos para cambio de destino ou outra mellora laboral), dun maior poder de actuación.
4. Potenciación das tecnoloxías da información e comunicación e da competencia de tratamento da información dixital
Énfase nas novas tecnoloxias e internet. Este é un medio realmente eficaz para combater a situación de atraso nas comunicacións de Galicia. Os nosos correos electrónicos chegan ao mesmo tempo a Nova York que os enviados desde Filadelfia, París e Tokio. Para isto non somos periferia e podemos competir en pé de igualdade se se coida a formación, a facilidade e velocidade de acceso e aos viveiros de empresas que apliquen novas ideas en internet. Todo o relacionado coas novas tecnoloxías debe ocupar un papel moito máis relevante do que xoga na actualidade, comezando polo estudo da internet e das súas aplicacións e enormes posibilidades.
Neste ámbito non se deben aforrar esforzos pero debe dispoñerse dos recursos para medios técnicos nos centros de xeito responsable e evitando o despilfarro.
5. Ensino e empresa
Ter moi en conta a necesidade das empresas en particular á hora de planificar a Formación Profesional e a Universidade que tería o seu reflexo nunha estreita colaboración na que o alumno accedería dun xeito moito máis fácil ao mundo laboral e as empresas se beneficiarían de proxectos de investigación realizados nos centros de ensino.
O mundo do ensino en xeral e especialmente o universitario teñen moito que dicir na aplicación da Investigación e o Desenvolvemento de ideas aplicables á creación de novas empresas e ao fornecemento de axuda para as xa existentes. A escaseza de recursos destinados a I+D é outra das causas do atraso español e galego en particular.
Ademais da Universidade teñen que saír proxectos de empresa que se poñan en práctica, nas faculdades de empresariais debería haber un proxecto de creación de empresa ao final da carreira e o proxecto gañador contaría con financiamento dun fondo especial constituído por administracións públicas, entidades financeiras e outras empresas que pasarían a formar parte do accionariado da nova empresa.



