Familia

Ideario

O primeiro elemento que destaca cando ollamos a realidade de Galicia é que o seu futuro está fortemente comprometido porque temos unha das taxas de natalidade máis baixas do mundo. Todos coincidiremos en que sen fillos non hai futuro nin para a familia nin para o País, a pesar de que somos receptores de inmigración de Iberoamérica, Europa do leste, África e Asia, a nosa poboación segue baixando con ritmo constante nos últimos anos. Os galegos non temos fillos e perante este gravísimo problema que afecta tamén, aínda que con moita menos virulencia, ao resto de España non coñecemos ningún paquete de medidas suficientemente completo e profundo que ataque as raíces deste problema.

A fiscalidade das familias e das empresas pode ser a solución; son necesarias medidas fiscais fondas, amplas e aínda máis incentivadoras da natalidade aplicables para todas as familias a partir do terceiro fillo para que as parellas perciban que lles resulta máis barato, ou polo menos igual ter tres fillos que dous.

Tamén hai que fomentar o investimento en crear unha rede de garderías publicas e privadas que facilitan a reincorporación ao traballo das nais. Debe aumentarse a rede de ensino infantil iniciada coas Galescolas, chámenselles como se lles chamen.

Ademais cómpre que as empresas que non a teñen adquiran responsabilidade co seu propio futuro que é o do País e polo tanto coa natalidade, facilitando, ou polo menos, non dificultando a maternidade das súas empregadas. Neste sentido tamén deberían ser aplicables incentivos fiscais ás empresas por cada fillo que teña unha das súas empregadas que palíe o custo que, a curto prazo, ten a maternidade para a empresa. E máis incentivos fiscais e premios públicos que actúen a xeito de publicity (publicidade informativa gratuíta que aporta credibilidade e fidelización dos clientes así como atracción doutros novos) que axude a tirar das vendas da empresa para aquelas que teñan garderías propias e adopten medidas, de calquera tipo, que incentiven as traballadoras a ser nais.

Que ninguén se preocupe pola diminución dos ingresos da facenda porque estes si que diminuirán sen remedio cando non haxa xente para pagar impostos ou polas inconveniencias da maternidade para as empresas porque sen maternidade non haberá quen consuma os produtos ou servizos.