Idioma

Ideario

No terreo lingüístico temos que aspirar a unha Galicia trilingüe en galego, castelán e inglés. En Galicia temos un enorme potencial neste sentido que está a ser dilapidado polos prexuízos ideolóxicos das forzas nas que impera a mentalidade provinciana, incapaces de pensar autonomamente no mellor para Galicia. Grazas ao castelán ou español e a similitude do galego co portugués, os galegos, podemos intercomunicar perfectamente con cincocentos millóns de persoas: máis das que no mundo falan inglés como primeira lingua. Isto ten que ser posto en valor fundamentalmente mediante o ensino obrigatorio do portugués en todos os institutos de Galicia. O noso idioma non é, como afirman algúns, unha barreira para o progreso económico, senón unha vantaxe competitiva que nos fai diferentes e máis capacitados no noso entorno ibérico e europeo. Nun mundo de economía globalizada como o actual, mercados como o galego, español ou portugués son unidades menores. O que funcionan son os mercados rexionais, no noso caso o ibérico. Grazas á nosa lingua temos a oportunidade de ser o único país ibérico capacitado para ofrecer ao mundo, a medio prazo, un mercado laboral cualificado e competente nas dúas linguas maioritarias neste mercado ibérico: español e galego-portugués. Non podemos permitir quedar atrás neste aspecto pois se nós non ocupamos ese espazo, el será ocupado por outros. Basta ver os planos educativos postos en marcha pola Junta de Extremadura para potenciar o ensino do portugués nesa rexión.

A cultura, e nomeadamente a lingua, son o cerne da nosa identidade como pobo e da idiosincrasia que nos fai únicos no mundo e fai que aínda podamos aportar obras de singular beleza desde o noso xenio creador. A lingua que foi labrada polo noso pobo en máis de mil anos é un patrimonio que resulta imprescindible defender e fomentar, polo que desde os poderes públicos e sen imposicións -como foi a do castelán en Galicia- o dereito a vivir plenamente en galego debe ser garantido. Este dereito aínda non o temos hoxe ao non contar con medios de comunicación diaria dunha calidade e cantidade aceptable en galego.