Infraestruturas
Ideario
Galicia precisa dunha política de infraestruturas pensada para satisfacer as súas necesidades e non deseñada en función de intereses externos. Esas infraestruturas teñen que estar ideadas para mellorar a calidade de vida dos galegos e a competitividade da nosa economía. Galicia ten que ter un sistema de transporte moderno, propio do tempo en que vivimos. Hai que mellorar os sistemas de transporte en todas as zonas do país, tanto urbanas como rurais. As malas conexións actuais son un freo para a nosa economía e fan máis difícil o acceso ó traballo, saúde, educación e equipamentos sociais.
Sistema Aeroportuario
O sistema aeroportuario galego debe ser reformado. A situación actual baseada na existencia de tres aeroportos é inoperativa, ineficaz e financeiramente insostible. Manter esta situación é unha irresponsabilidade pois supón triplicar gastos e investimentos: tres terminais, tres pistas, tres sistemas de seguridade, tres autovías de acceso, tres estacionamentos, etc.
Coa finalización das obras do AVE a Madrid e a súa posta en funcionamento este sistema vai resultar ainda máis ineficaz pois as nosas terminais non deixan de ser elementos auxiliares dun sistema aeroportuario con epicentro en Madrid e a súa utilidade vai ser nula.
Dúas son as alternativas para termos un sistema aeroportuario mais eficaz: deixar só en funcionamento o aeroporto de Santiago por ser o máis central ou suprimir este e deixar o de Vigo e da Coruña que xa non están tan próximas entre sí e que non deixan de ser as dúas grandes cidades do País. Trátase de apostar por un aeroporto ou dous pero nunca os tres actuais que na práctica se ven reducidos a aeroportos para ir a Madrid a coller outro avión, como di moi acertadamente unha publicidade do Aeroporto Sá Carneiro en Galicia, “no vuele usted como los conejos”, en referencia á escala que sempre hai que facer na capital do estado, mesmo nunha estratexia conxunta con Portugal que atinxise ao Sá Carneiro, que sexa realmente operativo como o aeroporto internacional do noroeste da península ibérica. Galicia ten que asumir a xestión dos aeroportos tras a desatrosa xestión de AENA.
Esta estratexia de reordenación do sistema aeroportuario debería ir acompañada dunha conexión rápida da rede de sete cidades entre elas e co aeroporto internacional (non necesariamente TAV xa que as distancias son curtas).
Rede Viaria e Ferroviaria
No que atinxe á articulación das areas metropolitanas é necesaria a creación dunha rede de proximidades que unan os principais núcleos urbanos do país entre si e cos concellos limítrofes. Ademais é necesario un TAV que atravese o Eixo atlántico cara Portugal e o Eixo Cantábrico cara o norte de Europa. Aquí, como pasou coas estradas, a primeira conexión será con Madrid, ¿por que? Porque lle interesa a Madrid porque para nós desde logo nunca sería a primeira prioridade senón a terceira despois do Eixo Atlántico e da conexión con Europa a través do Cantábrico. A estratexia é clara, convertir Madrid no centro de todo: ferrocarril, tráfico aéreo, rede de estradas e xe lle deixan até do tráfico portuario, e automaticamente converter o resto en “periferia”.
A mentalidade provinciana tampouco cuestiona que todas as obras que unen a Galicia con Madrid ou con Europa nunca comecen por aquí.
Evidentemente as prioridades dunha política de infraestruturas ferroviarias e de estradas pensada desde e para Galicia serían por este orde:
1.-Eixo atlántico de Ferrol a Porto que é o espazo próximo natural para a nosas relacións e onde se concentra mais de 2/3 partes da nosa poboación.
2.-Eixo Cantábrico que paliaría as nosas pésimas conexións co norte ibérico e nos achegaría aos enormes mercados europeos.
No 2004 constatábase que é mais transitada a estrada nacional que pasa por Ribadeo e que nos une ao resto do Cantábrico e ao resto de Europa que calquera das dúas autovías que nos unen a Madrid, ou debería dicir que unen a Madrid co noroeste que é a concepción á que responde a estrutura radial das comunicacións que apoian PP e PSOE e sobre a que o BNG non di nada.
3.-Conexión con Madrid a través da meseta que tamén nos achega a parte do mediterráneo comprendida entre Valencia cidade e Málaga posto que xa con Sevilla a conexión natural é pasando por Lisboa.
Sen embargo a realidade ten diverxido sensiblemente, o eixo atlántico está practicamente completo canto á rede de estradas. Canto aos ferrocarrís o traxecto Coruña-Lisboa leva 12 horas. Se isto ten avanzado, bastante témoslle que atribuír o mérito as autoridades portuguesas, xa que en Portugal esa conexión é concebida como prioritaria e seríao aínda máis se polo Cantábrico se puidese transcorrer por vías de alta capacidade.
O feito de que en España non haxa vontade política para isto fai que para o propio estado portugués a saída cara Europa desde Lisboa a Madrid gañe puntos fronte ao Eixo atlántico no que atinxe ao Tren de Alta Velocidade.
A priorización da estrutura radial das comunicacións pásalle unha factura moi clara ás comunidades cantábricas, especialmente Galicia e Asturias que son as máis penalizadas por non poder acceder en boas condicións a Europa. Isto está detrás da perda de peso relativo dentro de España do eixo Cantábrico fronte ao Mediterráneo que se ven constatando nas ultimas décadas. Cataluña, Aragón, Navarra, A Rioxa e o País Vasco están no camiño de Madrid para Europa polo que estas vías radiais comunican a todo o sur e a Madrid directamente e sen ineficientes rodeos con Europa.
Con estas políticas de infraestruturas compartidas polo PP e polo PSOE, o Estado está axudando a configurar unha España rica que partiría, groso modo, desde unha liña recta que unise Bilbao e Valencia para o norte ademais de Madrid e unha España pobre que sería o resto. Iso non é o que Converxencia chamaría vertebrar España e o PSOE e o PP son corresponsables desta España de dúas velocidades.
Naturalmente desde Galicia só os partidos políticos que responden a unha mentalidade provinciana poden quedar calados diante desta realidade e asumila como algo inevitable. O mesmo problema encontrámos en moitos outros terreos ao non termos sido capaces de configurar unha vontade política “autónoma”. Necesitamos urxentemente que desde as nosas institucións representativas alguén levante a voz na defensa dos nosos intereses mesmo cando sexan contraditorios cos doutros territorios.
Sistema portuario
Desde CXXI tamén queremos facer unha aposta clara polas infraestruturas portuarias. De sempre, o mar foi unha das nosas maiores riquezas e no futuro temos que potenciar esta vantaxe competitiva respecto a outros territorios. É necesaria unha nova política portuaria deseñando un mapa de usos eficientes das infraestruturas. Como no caso dos aeroportos non ten sentido ter portos pequenos ou medianos competindo entre si nos mesmos segmentos de mercado. Temos que apostar polo máximo desenvolvimento dos nosos portos en todas as áreas de actividade: pescas, mercadorías, náutica deportiva, etc.
Debemos pensar nun sistema portuario galego evitando disputas localistas que perxudican a competitividade da nosa economía e por tanto tamén a economía local. Desde unha perspectiva de país hai que apostar pola especialización e coordinación dos nosos portos, evitando o uso ineficiente dos recursos públicos en instalacións duplicadas, para deste xeito podermos competir cunhas mínimas garantías de éxito nos mercados español, ibérico, europeo e global.



