Política Fiscal
Ideario
Cando se fala de política económica, consideramos que o primeiro paso que hai que dar é saber con que ferramentas contamos para poder dinamizar os nosos sectores produtivos. Converxencia, lonxe de ser unha forza con vocación intervencionista ou dirixista, acredita na iniciativa privada como motor xerador de riqueza, pero non pode obviar que hai determinados entornos que facilitan ou dificultan o espírito emprendedor.
Logo do proceso de integración do Estado Español no Sistema Monetario Europeo, a fixación da política monetaria foi asumida polo Banco Central Europeo, que é quen fixa as Taxas de Xuro. Desta maneira, e a día de hoxe, tan só queda nas mans do Estado a política fiscal como ferramenta para poder influir na política económica.
Galicia, como país inserido no Estado Español e na Unión Europea, carece de ambos os dous instrumentos de soberanía. Se ben a carencia dunha política monetaria propia queda compensada pola pertenza a un mercado de bens e servizos moito máis amplo e carente de aranceis, a inexistencia dunha política tributaria propia é un lastre endémico que Galicia padece.
O actual sistema de recadación de impostos, totalmente dependente da Agencia Tributaria española, supón unha dupla dependencia tanto en fixación de tipos de gravame como en recadación efectiva dos tributos; é o Goberno Central quen fixa a maior parte dos tributos e é o mesmo quen os recada na súa práctica totalidade para logo “redistribuilos” entre os territorios.
O artigo 50 do Estatuto de Autonomía deixa ben claro que, a efectos legais, “A Comunidade Autónoma Galega gozará do tratamento fiscal que a Lei estableza para o Estado”. Este artigo é o que permite que Galicia teña un problema de finanzamento, que teña que esperar as partidas do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) para poder cadrar as contas, que os nosos concellos utilicen o 80% dos fondos que lles son asignados para “gasto corrente” e que os sucesivos gobernos da Xunta se vexan obrigados a aplicar recargos impositivos impopulares (o céntimo sanitario nos hidrocarburos, por exemplo) para poder manter os servizos esenciais á poboación.
O actual teito competencial en materia económica afoga a Galicia e resérvalle un papel subalterno en política fiscal, un papel que a fai depender sempre da cultura da transferencia e do subsidio. Até o de agora, as propostas neste eido dos partidos con representación parlamentaria limítanse a visións curtopracistas, tanto na reclamación de obter maiores transferencias económicas do Estado (PP e PSOE) como na territorialización das actividades económicas soportadas en Galicia (BNG). A primeira é unha Carta aos Reis Magos que se fai todos os anos e que case nunca é correspondida e a segunda, sendo esta unha opción que podería aumentar os nosos ingresos a curto prazo, non solucionaría o principal problema: rompermos o círculo vicioso xerado por un nivel de ingresos inferior ao de gastos que ten que ser reequilibrado principalmente por transferencias do Estado.
A dependencia da Agencia Tributaria condénanos a unha situación de retraso endémico con respecto ao resto do Estado. O actual modelo de fiscalidade aplicado ao conxunto do Estado (agás Euskadi e Navarra) non é senón un produto da conxuntura específica en que foi negociado o mapa do Estado das Autonomías. Durante a Transición xurdiron diversas propostas encamiñadas a que a fiscalidade do Estado español fose pactada entre os territorios e o Goberno central, posto que as Deputacións provinciais vían claramente que o sistema vasco favorecía os investimentos e domiciliacións de empresas neses territorios.
Este marco que se consensuou baixo o “ruido de sabres” limitou os reximes especiais ás provincias que sempre os mantiveran (agás Biscaia e Guipúscoa con Franco) ao longo do tempo e non se quixo xeneralizar o modelo vasco e navarro para non rachar co discurso dominante de “unidad de la patria” e “solidaridad interterritorial”. Nese ambiente de ameaza golpista e de posible recorte competencial do Estatuto galego incluso antes de se promulgar (o Estatuto da aldraxe) aceptouse como mal menor o sistema de cesión ou delegación voluntaria de tributos por parte do Estado cara ás Comunidades Autónomas, que ao final se converte nunha “graciosa concesión” do poder central que dependerá das maiorías políticas que se configuren no Parlamento de Madrid e da comenencia do Goberno central de turno.
Dende Converxencia, consideramos que non hai autonomía política sen autonomía financeira. O actual artigo 50 do Estatuto de Autonomía reduce o noso autogoberno a un modelo de descentralización administrativa, posto que as principais ferramentas para influir na nosa economía seguen en mans do Estado. Propoñemos un modelo que, previa reforma do Estatuto de Autonomía, se basee nos principios de soberanía fiscal e bilateralidade entre a Xunta de Galicia e o Gobierno de España.
Demandamos un sistema de concerto económico co Estado español co obxectivo de que a Xunta recade a totalidade dos impostos soportados no noso territorio e teña plena capacidade normativa sobre eles, tanto en cuestión de fixación dos tipos de gravame como en eventuais supresións ou exencións. Isto é, dispor dunha Axencia Tributaria propia con plenas competencias nas áreas de xestión, recadación e inspección dos tributos. A Xunta de Galicia negociaría co Gobierno de España a cantidade que anualmente tería que pagar a este último en concepto dos servizos que o Estado preste en Galicia.
Este sistema simplificaría a burocracia administrativa, permitiríanos desenvolver máis fácilmente as nosas potencialidades e sectores económicos estratéxicos e facilitaría a asunción de políticas sociais adaptadas á conxuntura específica do país.



