Simplificación administrativa

Ideario

Tras unha análise na que se determine onde sobran persoas e onde faltan e a posterior aplicación de criterios políticos e empresariais sobre o que é necesario manter, o que non, e que se pode potenciar ou mesmo crear, cómpre recorrer á aplicación de criterios empresariais, para lograr a eliminación das ineficiencias. Esta análise ten que ser independente e obxectiva e ten que servir para determinar en que medida os departamentos da administración están sobredimensionados pola política nepotista e clientelar do PP e pola consolidación desta realidade por parte do goberno bipartito.

O obxectivo non é outro que a liberación de moitos recursos a través do alixeiramento da pesada, cara e ineficiente administración da Xunta. Tamén é imprescindible a introdución de normas de transparencia para diminuír o elevado nivel de corrupción e nepotismo existente.

O noso territorio está mal ordenado e abundan as ineficiencias na asignación dos recursos públicos, as dúas máis graves están na administración local: por un lado das Deputacións e por outro os microconcellos.

O nacionalismo defendeu historicamente a ordenación do noso territorio en base a comarcas históricas e ás parroquias, sen embargo, na actualidade ten un sentido moi limitado xa que poucas das nosas comarcas seguen a ter a vixencia que tiñan antano. A mellora dos medios de comunicación, a progresiva urbanización e conseguinte aparición de áreas metropolitanas, o dramático despoboamento do rural no interior, levan a que a organización en comarcas “históricas” sexa só aproveitable para algunhas zonas. Por outro lado as parroquias son unidades demasiado pequenas na inmensa maioría dos casos como para xustificar calquera instancia administrativa no ámbito parroquial.

Sen embargo o que segue a ter plena vixencia da doutrina do galeguismo histórico é o rexeitamento ás provincias que no século XIX foron froito da imitación do modelo xacobino dos departamentos franceses e que no caso de Galicia non teñen ningún tipo de utilidade para unha organización e administración racional que teña en conta a realidade do noso territorio.

Isto é empeorado pola concreción administrativa que tiveron esas provincias que son as deputacións, unhas institucións que na actualidade son unha tragadeira de recursos públicos, con moi pouca eficiencia no desenvolvemento das súas provincias e cun uso dos cartos públicos con criterios dificilmente defendibles.

Moitos concellos deben fusionarse. Por pór un exemplo que nos axude a comparar, en Galicia hai case tantos concellos como en Portugal e moitos deles non teñen case nin para lle pagar ao Secretario. A tendencia debe ser clara e marcada desde arriba cara a concentración, xa que desde abaixo sempre haberá resistencias de certos “chiringitos locais” para salvagardar privilexios.

Neste contexto as deputacións deberían ser disoltas ou no seu defecto reducidas á mínima expresión, e os seus recursos repartidos directamente aos concellos en base a criterios de poboación, renda e dispersión. Este non sería máis que un primeiro paso para a solución da forte insuficiencia financeira que sofren os concellos en Galicia, e estariamos aforrando ademais moito diñeiro público en soldos e dietas de funcionarios e políticos, co que a reasignación de recursos aos concellos sería bastante máis perceptible do que poida parecer.

O que Converxencia propón é a reorganización en entes supramunicipais que por economía de escala necesiten establecer servizos en común. Lalín e Tui, ou Oleiros, Carnota e Melide non parece que poidan mancomunar nada. Trátase en definitiva dun potenciamento de 5 Áreas Metropolitanas (Vigo- Pontevedra, A Coruña-Ferrol, Santiago, Ourense e Lugo) e das comarcas que sigan a ter virtualidade como tal por estar afastadas de núcleos urbanos importantes como poden ser entre outras Monterrei, Valdeorras, Lemos, A Mariña, O Deza, A Costa da Morte, etc...

Estas áreas metropolitanas e mancomunidades de servizos comarcais terían que estar financiadas desde abaixo polos concellos para non converterse en minideputacións reproducindo todos os seus defectos. Ademais de todo isto é absolutamente inaprazable a revisión do financiamento dos entes locais en España, con especial incidencia en Galicia onde nos encontramos co paradoxo de que un concello de 16.000 habitantes en Castela ou Andalucía, onde a poboación esta concentrada, e polo tanto é moito máis barato dotala de servizos recebe máis diñeiro do estado que unha localidade de 16.000 habitantes en Galicia, con gran cantidade de núcleos de poboación dispersos e co esforzo extra que supón atendela e dotala ao mesmo nivel.