Tradición e modernidade
Ideario
A autoestima persoal e colectiva só se consegue desde a autoafirmación e nunca desde a autonegación. E neste sentido o reforzamento da identidade axuda a impulsar os nosos proxectos non so colectivos senón mesmamente individuais, xa que a autoestima colectiva axuda á individual en canto a que somos seres sociais, e como tales identificados cuns atributos entre os que destaca a identidade, neste caso galega. Esta autoafirmación non debe ser confundida xamais con cerrazón. Un exemplo practico é o lingüístico: que falen dinamarqués en Dinamarca non significa que non saiban inglés. Útil a estes efectos é, máis unha vez, mirar para a Cataluña, onde a lingua propia é tomada en serio, e resulta ser a comunidade autónoma de España na que a xente sabe máis idiomas estranxeiros, polo que o prexuízo de moitos provincianos de que o galego e sinónimo de atraso demóstrase falso. Os que si pecaron de cerrazón foron os provincianos que como Franco promoveron o español como idioma único, e non só en prexuízo do galego, vasco e catalán, senón tamén de calquera lingua foránea como o francés e o inglés que eran as linguas internacionais de referencia naquela altura, e que para o réxime supuñan influencias contaminantes. Á cerrazón destes provincianos podemos achacar o último posto que España ocupa no ranking de coñecemento de linguas estranxeiras na UE.
O nacionalismo galego da Converxencia pode, con facilidade, gañar un debate en termos de universalismo e abertura ao nacionalismo de estado do PP e o PSOE e ao nacionalismo resistencialista do BNG.
Outro exemplo a reseñar é o xaponés que desde a tradición e a cultura propias colle elementos alleos e é quen de melloralos e modernizalos; isto só é posible desde a achega propia. É a combinación entre tradición e modernidade, entre identidade e abertura, e sobre todo entre traballo e intelixencia, a que ten feito dun conxunto de illas pobres que suman menos extensión ca España, a segunda economía do mundo.



